Friday 03 de May de 2024

A Pobra pedaleará co gallo da Festa da Bici no 30 de xullo


A trixésimo primeira edición da Festa da Bici chega no 30 de xullo á Pobra do Caramiñal, coa saída programada para as 11.00 horas da praza Alcalde Segundo Durán, que tamén se establece como lugar de meta. Destaca, ademais, a compoñente solidaria mediante a achega dun quilogramo de alimentos non perecedoiros no momento da inscrición o propio día do evento e na dita praza, a partir das 10.15 horas. Estímase unha participación semellante á de anteriores convocatorias, nas cales se superaban as/os 200 ciclistas.

Trátase dunha actividade xa consolidada no calendario de actividades deportivas do municipio, que consta de dous percorridos: no circuíto xeral completarase unha distancia de 10’53 quilómetros, durante os cales se transitará por distintos espazos do centro e do rural; mentres que o circuíto pequeno, cun itinerario de aproximadamente 1’5 quilómetros polo núcleo urbano, está dirixido a crianzas menores de 8 anos ou rapazada maior desta idade que teña dificultades para completa-la ruta longa.

O concelleiro Eloy Sobrido, xunto coa coordinadora dos Deportes, Ana Romero, e o monitor deportivo do Concello, Rubén López, puxo en valor este tipo de propostas que buscan promove-la actividade física entre tódolos públicos, polo cal se converte tamén nun punto de encontro interxeracional, ao mesmo tempo que se promove a mobilidade sostible con esta alternativa de transporte aos medios de tracción mecánica. Do mesmo xeito, o edil fixo fincapé en que lles permitirá ás persoas participantes coñece-la vila dende outra perspectiva e agradeceu a implicación das distintas entidades colaboradoras e de medios de apoio, como a Policía local, a Protección Civil, Motoclub SinFrenos e Sport Bike.

Durante esa xornada contarase tamén cun inchable e cunha xincana de habilidade e destreza coa bicicleta, habilitados na dita praza para o desfrute das/dos máis pequenas/os. Procederase, así mesmo, co sorteo dunha bicicleta e outros agasallos.